Anxo Angueira renova como presidente da Fundación Rosalía
O profesor da Universidade de Vigo vén de ser refrendado por catro anos máis polo plenario da Fundación, que o votou por unanimidade.
O plenario da Fundación Rosalía de Castro vén de elixir a Anxo Angueira Viturro como presidente desta institución durante catro anos máis. O profesor da Universidade de Vigo foi elixido por unanimidade nun pleno celebrado na tardiña de hoxe no que era o único candidato.
Canda el, forman parte da candidatura que resultou gañadora Ana Blanco como vicepresidenta; Xosé Carlos Beiró como secretario; Xosé García Lapido como tesoureiro; e como vocais Xosé Luís Axeitos, María López Sández e Chus Pato.
Anxo Angueira foi elixido presidente desta entidade en 2012. Desde entón as visitas á Casa-Museo incrementáronse nun 260%: pasando de 8.655 a 22.463 en 2019. Asemade, a Fundación pasou dunha taxa de autofinanciamento do 20% en 2012 a un 45% en 2019, cifra considerable na nosa contorna cultural.
Alén destes datos, a Casa de Rosalía incrementou exponencialmente os proxectos e actividades desde 2012. Alén da desexada reforma do interior da Casa e da súa renovada musealización, catalogouse e dixitalizouse todo o fondo documental e acondicionouse unha sala para o arquivo, que xa está a disposición dos investigadores; dinamizouse a súa presenza na web e nas redes sociais; incrementouse o seu patrimonio coa chegada de novos obxectos, artísticos ou non, como o cadro de Brocos e diferentes pezas de Ovidio Murguía; publicouse a súa Obra completa, entre outros libros; relanzouse a celebración do Día de Rosalía e puxéronse en marcha ducias de actividades ao longo do ano: a homenaxe ao mundo do mar, o festival Abride a Fiestra, alén de múltiples exposicións, conferencias, roteiros, teatralizacións e visitas guiadas.