A revista Follas Novas dá a coñecer unha carta inédita de Rosalía

A revista Follas Novas dá a coñecer unha carta inédita de Rosalía

O número 4 da revista Follas Novas, a revista de estudos rosalianos desta Fundación, inclúe unha carta inédita de Rosalía de Castro. A misiva vai dirixida a José Villaamil y Castro (1838-1910), amigo e colaborador de Murguía.

A Fundación Rosalía de Castro presenta mañá venres ás 20 horas no Pazo de Lestrobe (Dodro) o número 4 da revista Follas Novas, que inclúe unha carta inédita de Rosalía de Castro, dentro dos actos rosalianos realizados con motivo do Día de Rosalía.

A misiva vai dirixida a José Villaamil y Castro (1838-1910), amigo e colaborador de Murguía. Foi descuberta por Pablo Carou Barros, quen dedica un artigo na revista ao estudo desta polifacética figura monfortina, e é publicada e estudada por Anxo Angueira [ao final desta nota poden descargar o nº4 da revista e ler a carta e os artigos sobre ela]. Aínda que carece de lugar e data, a carta pode situarse entre 1865 e 1866 en Compostela.

Nela Rosalía contesta sobre o tema do uso do sombreiro ou da mantilla no teatro e emite un xesto de cordialidade que abre as relacións Murguía-Villaamil ao conxunto dos dous casais. Por outro lado, di Rosalía que “no voy nunca al teatro”, o que fai que no artigo se estude o teatro en Compostela nestes anos e se volva a revisar a relación de Rosalía co teatro e co Liceo de La Juventud. 

A carta vén sumarse ás 16 coñecidas e enriquece un epistolario que debeu ser sen dúbida moi rico e extenso. Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía e estudoso da súa obra, explica que “o repertorio de cartas que conservamos é moi escaso, así que calquera cousa nova é importante. A aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia aínda por descubrir, aínda que moita dela é seguramente xa irrecuperable”. 

O estudo de Anxo Angueira demostra “ata certo punto a autonomía de Rosalía [a respecto de Murguía] e que con toda seguridade mantiña relacións autónomas. Aínda que a relación é entre Murguía e Villaamil, Rosalía ten un xesto de amabilidade e de querer abrir esa relación ao conxunto desas dúas parellas”. 

Eis o texto da carta: 

Castro (Rosalía) 

Murguia no está en casa y me tomo la libertad de contestar á la atenta de V, diciéndole que aun que no voy nunca al teatro tengo entendido que en esta poblacion se estila mas ir a cuerpo que con sombrero o mantilla, ya sea a palco o luneta aun cuando en una forastera todo esta admitido. 

Tan pronto venga Murguia que no debe tardar, le hare presente la atención de V. y el le dará en persona las gracias y la respuesta. 

Tengo la satisfaccion de ofrecerme con esto su servidora y de demostrarle mi sentimiento, por no haber podido visitar á su apreciable Señora a quien se servira hacer presente mis respetos, contando V a si mismo con una servidora y amiga. 

QB S M
Rosalia Castro de Murguia 

No texto sorprende asemade a afirmación de non ir nunca ao teatro nunha persoa que foi actriz amadora tanto de moza coma de casada. “Se cadra o que se ofrecía no Teatro Principal daquel tempo non era do seu interese”, aventura Angueira, que tamén indica que a misiva demostra que “en 1860 continúa coas súas relacións co Liceo de la Juventud”. 

A cuestión do chapeu e da mantilla non é tampouco baladí. Subliña Angueira que non é unha cuestión só de moda, senón política: “A mantilla está ligada ao tradicionalismo e o sombreiro á apertura e ao afrancesamento. Ela mesma sempre foi a pelo, nunha acción ideolóxica moi clara”. 

Número 4 de Follas Novas

O número 4 da revista de estudos rosalianos Follas Novas tamén ofrece en varias das súas seccións unha homenaxe a Carvalho Calero, un dos grandes estudosos da vida e da obra rosalianas, entre outros artigos asinados por Teresa López, Xurxo Martínez ou Victorino Pérez Prieto, entre outros. 

O Concello de Dodro é patrocinador deste cuarto número e a presentación terá lugar mañá venres 21 ás 20 horas no Pazo de Lestrobe, coa presenza do alcalde deste concello iriense, Xabier Castro, ademais do propio Anxo Angueira e Xosé Luís Axeitos, director da revista.