A familia de Camilo Agrasar vén de doarnos a súa biblioteca galega

A familia de Camilo Agrasar vén de doarnos a súa biblioteca galega

A familia de Camilo Agrasar vén de doar a súa biblioteca galega á Fundación Rosalía de Castro que, segundo Anxo Angueira, "ten un notable valor bibliográfico ao incluír valiosos exemplares de libros e revistas do século XIX e XX”.

A familia do galeguista padronés Camilo Agrasar vén de doar a súa biblioteca galega á Fundación Rosalía de Castro que xestiona a Casa-Museo de Padrón. Segundo o seu presidente, Anxo Angueira, esta biblioteca “ten un notable valor bibliográfico ao incluír valiosos exemplares de libros e revistas do século XIX e XX”.

Ademais, segundo Angueira, “unha biblioteca é tamén un retrato da persoa que foi construíndo ao longo da súa vida. Dos seus volumes conservados podemos tirar a idea de que Agrasar foi un galeguista preocupado polo futuro dun proxecto cultural baseado no uso do idioma galego”. Non faltan tampouco obras “que tamén debuxan o claro perfil rosalianista” de Camilo Agrasar, que foi membro do Patronato Rosalía de Castro.

Para rematar o presidente da Fundación sinalou que “cando nos sexa posible desde o punta de vista estrutural, o noso obxectivo é ordenar e catalogar os libros e crear no futuro a Biblioteca Galega Camilo Agrasar, tamén como homenaxe a un galeguista histórico que tanto fixo por Padrón e pola memoria de Rosalía de Castro”. Pero isto non será posible, apunta, “mentres non se reforme o vello edificio do Centro de Estudos Rosalianos”.

Camilo Agrasar, galeguista e rosalianista

Camilo Agrasar (Padrón, 1907-1983), galeguista e republicano, foi un barbeiro e activista cultural, cuxo papel foi fundamental para recuperar a Casa da Martanza. Formou parte do Patronato Rosalía de Castro. Anteriormente xa doara á Casa-Museo, , entre outros obxectos, a bandeira galega utilizada na inauguración do monumento a Rosalía no Paseo do Espolón de Padrón, o 23 de abril de 1957, que fora utilizada por diversos colectivos da da Terra de Iria e do Barbanza e agora se pode ver no primeiro andar da Casa-Museo.

O 15 de xullo de 2017 a Fundación Rosalía de Castro concedeulle á súa familia a insignia a Rosa de Galicia, que se entrega a persoas ou institucións que destacaran na promoción do legado rosaliano. Naquel acto Angueira definiu a Agrasar como “alguén do pobo, que velou durante toda a súa vida por esta Casa, quen se entregou a ela con paixón nos tempos máis difíciles e quen lle testou, como despois seguiu facendo a familia, documentos e pezas de valor para nós incalculable”.

[Na imaxe, extracto das últimas vontades de Camilo Agrasar en carta dirixida a Maruxa Villanueva]