A Deputación de Pontevedra convértese en Mecenas da Casa de Rosalía

A Deputación de Pontevedra convértese en Mecenas da Casa de Rosalía
SONY DSC

Esta tarde a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou a Casa da Matanza acompañada pola Deputada Provincial de Memoria Histórica, Patrimonio e Lingua, María Ortega, para selar a colaboración.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta tarde a Casa da Matanza acompañada pola Deputada Provincial de Memoria Histórica, Patrimonio e Lingua, María Ortega, co obxectivo de selar o seu compromiso de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, que  converte a Deputación nunha nova institución Mecenas da Casa de Rosalía dentro do proceso de subscrición popular para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa da Matanza, “que é a causa común de Galicia”, en palabras do presidente Anxo Angueira.

A colaboración efectivizarase cunha achega económica de 10.000 euros anuais que se aprobará en Pleno neste mes de xullo. Busca promover e facilitar de maneira xeral a investigación sobre Rosalía como “poeta nacional da Galicia” e tamén aumentar a programación cultural, diversificando actividades e elaborando un programa variado e pedagóxico dirixido principalmente á xente moza da provincia de Pontevedra. Como un dos primeiros pasos, estase a traballar na organización de visitas á Casa-Museo, que a día de hoxe é un dos museos galegos máis visitados e referente nacional e internacional.

Centos de persoas de todo o país -e máis alá- xa se converteron en Amigas da Casa de Rosalía ao apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta institución, así como a súa sostibilidade financeira. A subscrición popular está a ser un grande éxito e moitos pequenos negocios tamén son xa Protectores (desde 60€/ano), así como varias grandes empresas da comarca, que xunto cos concellos poden exercer de Mecenas da Casa a partir de 1.000 euros ao ano.

“En 2019 acadamos unha taxa de autofinanciamento próxima ó 50%, que é unha cifra considerable”, afirmou Anxo Angueira. “Porén esta nova crise supuxo un duro revés. Grazas a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións. Seguiremos intentando facer o mellor servizo posíbel á causa da difusión nacional e internacional do legado de Rosalía e da súa familia”. 

Segunda subscrición popular

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración. 

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.