A Casa de Rosalía modernizou e actualizou as súas instalacións con novos recursos, novas pezas e material audiovisual que permiten comprender mellor a vida e obra de Rosalía de Castro e a súa familia. 

Zona dedicada a Manuel Murguía no segundo andar

Os obxectivos que se definiron á hora de facer a renovación poden condensarse nestes tres retos: quen precise información debe achar a esencial, quen coñeza a historia debe poder evocar o mito e a persoa que entre con curiosidade ha saír conmovida.

Grazas a esta renovada museoloxía, dirixida por Pepe Barro no ano 2017, podemos entender de forma máis efectiva a importancia de Rosalía como referente, como figura central da cultura galega e como eixo dunha familia que funcionou como unha auténtica factoría cultural ao servizo do Rexurdimento galego. A de Rosalía non é o caso de tantas casas-museo que se amosan tal coma os seus moradores as deixaran. Desde o pasamento da escritora en 1885 até que se abre ao público por primeira vez, en 1972, pasaran oitenta e sete anos, na Matanza sucedéranse inquilinos varios e diferentes propietarios… Hoxe en día a Casa conta, co soporte da tecnoloxía, a historia de Rosalía, da súa familia e das súas obras por medio da combinación de mobles, obxectos artísticos, documentos e pezas senlleiras.


Vídeo dunha visita á exposición da casa museo

Este vídeo de 5 min. fai un percorrido que comeza pola entrada do recinto e continúa cunha visión detallada de cada unha das salas que conforman o proxecto expositivo da Casa de Rosalía.

Pepe Barro / Proxecto museolóxico e museográfico da Casa de Rosalía, 2017.
Realización do video: Xosé Bocixa-Tingalaranga.