A Casa de Rosalía celebra os 50 anos da súa apertura abrindo as visitas virtuais e con actividades ao longo de todo o ano
O vindeiro 15 de xullo cúmprense 50 anos da apertura da Casa-Museo, realizada grazas ás achegas de centos de persoas e entidades de todo o país e da emigración.
A visita virtual, que xa está operativa desde hoxe nesta páxina web, pode realizarse en catro linguas: galego, español, francés e inglés. A través dela calquera persoa pode visitar a Casa-Museo e a Horta de Rosalía en 3D, con información ampliada en case 40 puntos.
Pola cantidade de información que se pode atopar no percorrido, é o proxecto máis ambicioso para percorrer un espazo físico, xa non só un museo, que se fixo en Galicia ata a data empregando ferramentas propias da realidade inmersiva. Para facelo empregáronse equipos baseados en tecnoloxía láser e tecnoloxía de infravermellos, cos que se fixo a captura das imaxes. Tamén se empregaron ferramentas de software específicas, tanto para a construción do percorrido a partir das imaxes coma para facilitar a súa utilización.
A incorporación dun menú no que se pode elixir entre 4 idiomas diferentes para a realización da visita virtual e o acceso ao seu contido é totalmente pioneira en Galicia e xorde como produto da colaboración de Orestes Comunica cunha empresa italiana especializada en desenvolvemento de software para percorridos virtuais.
Esta ferramenta foi presentada esta mañá en rolda de prensa nas oficinas da propia Casa-Museo por dous representantes de Orestes Comunica: Pancho Tristán e Darío Janeiro. Ademais, tamén participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira.
Un ano de celebracións
A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada a partir do proxecto realizado por Xosé Filgueira Valverde. É por iso que as celebracións e actividades deste 50 aniversario durarán un ano, de xullo de 2021 a xullo de 2022.
Alén da visita virtual, nas vindeiras semanas e meses sucederanse múltiples actividades relacionadas co aniversario. O propio 15 de xullo celebrarase un acto institucional na Casa da Matanza, que incluirá un recital poético, a actuación musical de Eliseu Mera e Cándido Cabaleiro e a entrega da Rosa de Galicia. E o sábado 17 de xullo celebrarase a terceira edición do festival Abride a Fiestra, con actuacións de Uxía, Verto ou Berlai, entre moitas outras actividades.
Tamén se celebrarán nos vindeiros días as xornadas Rosalía en Camiño (Diálogos literarios multilingües, do 15 ao 17 de xullo) e a Inchadiña Branca Vela -homenaxe a Rosalía das xentes do mar- o 24 de xullo. Con motivo deste cincuentenario tamén haberá unha exposición itinerante sobre a historia desta institución e reformarase o auditorio da Casa-Museo.
50 anos de historia
A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. Pouco despois da morte de Rosalía a casa da Matanza fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. O Patronato Rosalía, creado en 1947, acabou sendo refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Pero foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, cando se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo dese ano. Da montaxe e dirección do Museo encárgase Xosé Filgueira Valverde.
A Casa da Matanza converteuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. A partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, realizada no Pedrón de Ouro de 1970, iniciouse unha campaña na que participaron centos de persoas, de xeito particular e ás veces anónimo, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.