Presentación de ‘O libro negro da lingua galega’
Hora:
19.30
Lugar:
Auditorio da Casa-Museo
Anótao en
O venres 15 de decembro acollemos no Auditorio da Casa-Museo a presentación do libro de Carlos Callón ‘O libro negro da lingua galega’, coa presenza do autor e da profesora padronesa Carme Saborido, alén de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
Por vez primeira un libro céntrase en recoller e explicar testemuños da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos. Nas súas páxinas Callón aborda a crueldade dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida, acreditados desde 1543 até 1980: vareadas, de xeonllos sobre garavanzos, pedras nos petos, o método do anel, etc.
Carlos Callón é profesor de Xeografía e Historia no Instituto Español de Lisboa e doutor en Estudos Galego-portugueses. Presidiu durante doce anos A Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza, e dirixiu numerosas campañas a favor do idioma do país. Foi tamén promotor e portavoz nacional da plataforma Queremos Galego e presidente do Comité de Estado da Axencia Europea de Linguas Minoradas.
Publicou, entre outros, os ensaios Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Amigos e sodomitas e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012). O seu último traballo como poeta é A abertura da boca (2021).
