Convenio coa Xunta para acondicionar a Casa-Museo

A Fundación Rosalía de Castro o 2 de outubro asinou un convenio coa Xunta para acondicionar a Casa-Museo por un valor de 200.000 euros. Os fondos serán achegados a través do Programa FEDER Galicia. Trátase dunhas obras necesarias para poder acometer posteriormente a reforma do perfil museográfico da Casa-Museo.

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, asinaron o 2 de outubro un convenio en virtude do cal a Consellería de Cultura e Educación, con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo FEDER Galicia 2007-2013, destinará un total de 200.000 euros para a rehabilitación da Casa-Museo de Rosalía de Castro.

Grazas a este acordo levaranse a cabo as obras de rehabilitación da Casa da Matanza, que inclúen a eliminación de humidades (no solo e nas paredes da planta baixa), a instalación dun novo sistema de electricidade e iluminación, o acondicionamento da carpintaría exterior, a montaxe dun falso teito e a instalación dun sistema de seguridade e contraincendios.

Trátase dun investimento e dunhas obras necesarias para poder acometer posteriormente a reforma do perfil museográfico da Casa-Museo e dotala de infraestrutura para a incorporación de novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os e as visitantes.

Logo da sinatura, o presidente da Fundación e o conselleiro, acompañados polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e por varios dos patronos da Fundación, percorreron a Casa-Museo, e o propio Anxo Angueira explicou in situ o sentido das obras.

Alén disto, Angueira aproveitou para presentarlle aos representantes do Executivo galego o anteproxecto da Conmemoración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, que se celebra no vindeiro ano 2013 e que está organizada pola Real Academia da Lingua Galega, a Universidade de Vigo e a propia Fundación.