A Casa-Museo Rosalía de Castro recibiu esta mañá a uns corenta socios da asociación Amigos dos Museos que lle fixeron entrega á fundación dun cadro do pintor Serafín Avendaño que amosa unha paisaxe das terras de Iria. Ademais, pola parte de atrás, inclúe un autorretrato do artista. Estará obra pasará a formar parte da colección permanente da Casa-Museo.

Serafín Avendaño (Vigo 1838 – Valladolid 1916) é un pintor galego que foi amigo da familia de Rosalía e, segundo o propio Murguía, foi membro dos Precursores da cultura galega. Foi un exemplo do preimpresionismo da pintura galega. De lento pero firme recoñecemento internacional na actualidade, aínda que en vida gozou de considerable prestixio, especialmente en Italia, onde residiu moitos anos. Foi mesmo amigo e atrezzista de Giuseppe Verdi, segundo apuntou Felipe Senén, presidente de Amigos de Museos, no acto.

Pedra do Destino 2014

Este galardón que outorga todos os anos a asociación Amigos dos Museos de Galicia deuse a coñecer o día 18 de maio pasado (Día Internacional dos Museos) e distingue a aquelas persoas ou colectivos que realizan un traballo de sensibilización ou de salvagarda a favor do patrimonio cultural de Galicia.

Nesta ocasión o premio consistiu nuha pintura de Serafín Avendaño, un dos “Precursores” e amigo da familia Murguía Castro, ao que sempre se referían como modelo a imitar polo seu fillo Ovidio. Esta obra pintada por ambas as dúas caras representa unha paisaxe ullán, padronesa e polo reverso recolle un autorretrato do propio pintor romántico.

IMG_0025

Share