O 18 de abril o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e o vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, presentaron o proxecto Rosalía é Mundial que fai un chamamento á tradución de poemas de ‘Cantares gallegos’ ás linguas do mundo para celebrar os 150 anos da publicación desta obra. O acto celebrouse na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e participaron, asemade, nun recital poético-musical dedicado a Rosalía, Leo Arremecaghona, Elvira Ribeiro e Yolanda Castaño.

A iniciativa pretende traducir ao máximo de linguas posibles dous dos poemas máis coñecidos deste poemario: “Airiños, airiños aires” e “Adiós ríos, adiós fontes”. O proxecto e a súa web bota a andar con 15 linguas, entre as que se encontran o inglés, o alemán, o romanés, o catalán e moitas outras.

O chamamento está aberto até o 1 de xullo e os organizadores contan con chegar a 50 linguas. A coordinación das traducións corre a cargo dos profesores Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo, e Malores Villanueva, da Universidade de Barcelona.

Tanto a Fundación como a Universidade de Vigo queren agradecer a colaboración desinteresada dos tradutores e tradutoras que fan posible esta iniciativa, na que están a participar profesores de moitas universidades estranxeiras, desde Finlandia até Armenia, xunto cun numeroso grupo de exalumnos dos cursos de galego para estranxeiros da USC e da UVigo.
Nas rúas e nos bares

As traducións dos poemas estarán tamén en PDF para poderen ser baixadas por calquera usuario como se for un cartel. Na semana previa ás Letras queremos que todo o Casco Vello de Vigo (residentes e turistas) estea engalanado con estes carteis-poemas, que a xente poida descolgalos e levalos, que estean en bares e comercios a disposición da xente, que a xente leve os versos de Rosalía no idioma que queira para a casa, para o traballo, etc. A difusión será toda pola rede, a todos os centros de ensino, bibliotecas, universidades, asociacións culturais, etc.

Poden ver vídeos do acto no noso Canal Youtube.

Share