Reapertura ao público da Casa de Rosalía

A Casa-Museo de Rosalía reabre o sábado 16 de marzo as súas portas ao público. Ademais, o presidente da Fundación, Anxo Angueira, asinou dous convenios coa Xunta por valor de 60.000 euros para actividades culturais.

A Casa-Museo de Rosalía de Castro reabre mañá sábado as súas portas ao público logo da primeira fase dunhas obras de acondicionamento que obrigaron a pechar o recinto desde comezos de decembro pasado. A partir do vindeiro martes tamén se poderán recibir visitas en grupo e escolares.

Nestes meses executouse o proxecto de acondicionamento interior da Casa, resultado do convenio de cooperación asinado coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cofinanciado cos fondos FEDER. Este proxecto consistiu na eliminación de humidades no chan e nas paredes da planta baixa, con instalación de solo radiante, o acondicionamento da carpintaría exterior e trasdosados, instalación dun novo sistema de electricidade e iluminación así como o de seguridade e contraincendios. As obras afectaron ao baixo da Casa.

Estas foron unhas obras necesarias para poder acometer posteriormente a reforma do perfil museográfico da Casa-Museo e dotala de infraestrutura para a incorporación de novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os e as visitantes. A segunda fase das obras comezarase en outubro deste ano.

Convenios coa Xunta

Ademais, esta tarde o presidente da Fundación, Anxo Angueira, asinou dous convenios anuais de colaboración coa Xunta de Galicia cun valor total de 60.000 euros. O primeiro deles, asinado por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, destinarase á promoción de actividades en lingua galega; e o segundo, asinado polo conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, ten por obxectivo a realización de distintas actividades culturais ao longo deste ano.