A Casa-Museo de Rosalía de Castro acolleu na mañá do 21 de febreiro o acto de plantación do retoño da Árbore de Gernika, logo de que o anterior exemplar, traído por Avelino Pousa Antelo en 1994, morrera o ano pasado. Ao evento asistiu a presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, organismo que mantén a Árbore de Gernika, Ana Otadui, ademais do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. Tamén participaron no acto lendo poemas alumnos do colexio Rosalía de Castro de Padrón.

Este é o terceiro Carballo de Gernika que hai en Galicia, ademais doutro exemplar no propio Xardín Botánico de Padrón e na vila de Narón. Ana Otadui fixo entrega ao alcalde de Padrón do certificado de autenticidade que dá conta de que é fillo do Carballo de Gernika. 

A Árbore de Gernika é un exemplar de carballo situado diante da Casa de Xuntas de Gernika no País Vasco. Simboliza as liberdades tradicionais dos vascos desde que na Idade Media o señor de Biscaia xuraba respectar os fueros baixo este carballo. Na actualidade é o lugar no que o lehendakari promete cumprir co seu cargo. 

 

Share