O piano da familia Castro-Murguía, xa na Casa-Museo

O piano da familia Castro-Murguía vén de ser cedido pola Coral Follas Novas da Coruña á Fundación Rosalía, logo de ser restaurado. Ademais, recibimos xa na Casa o cadro ‘Árbore de montaña’ de Ovidio Murguía. Padrón, 1 de xullo de 2016.

Esta mañá, 1 de xullo, presentáronse ao público dúas pezas de excepcional valor que veñen de chegar á Casa-Museo Rosalía de Castro en Padrón. Trátase do piano da familia Castro-Murguía, que xunto a outros mobles e obxectos vén de deixar en depósito a Coral Follas Novas da Coruña, e do cadro Árbore do monte de Ovidio Murguía, recentemente restaurado polo museo de Belas Artes da Coruña.

O piano, que vén de ser restaurado (por Luís Ares e Ascensión de Vicente) grazas á colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura, foi doado por Gala Murguía -a filla máis lonxeva de Manuel Murguía e Rosalía de Castro- á Coral Follas Novas. Esta institución vén de cederllo en depósito á Fundación Rosalía, xunto cun espello recibidor ‘tremont’ e outros obxectos, como un pisapapeis de Manuel Murguía.

No acto de presentación participaron Fernando Sandino, presidente da Coral Follas Novas da Coruña; Luís Ares Esmorís, restaurador do piano; Laura Carrera, restauradora do cadro; e Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, ademais do presidente da Fundación, Anxo Angueira. Ao final do mesmo a pianista e musicóloga Margarita Viso interpretou varias pezas para que volvese soar deste xeito o piano na Casa de Rosalía.

O piano de Rosalía

O piano permite afondar na dimensión musical da obra de Rosalía de Castro, ela mesma instrumentista (harpa, guitarra, harmonio, piano…) e cunha creación literaria que non se pode concibir sen o influxo da música (fundamental en Cantares gallegos) e na que esta é todo un tema, como nos demostra “Ignotus”.

Segundo Anxo Angueira, trátase dunha achega “extraordinaria, non só como obxecto, xa que non se pode entender a literatura de Rosalía sen a música”, que supón un paso máis no obxectivo da Fundación de “tratar de conseguir pezas coma esta que estaban no ámbito privado e que agora podemos expoñer ao público”. “Estamos empeñados en que esta Casa teña dentro pezas auténticas da famiia Castro-Murguía integradas dentro dun discurso expositivo acorde aos novos tempos”, abondou.

Rosalía, que foi visitada musicalmente polos máis diversos estilos ao longo dos anos, foi gabada por Manuel Murguía en palabras recollidas por Juan Naya: “Lo extraño, lo indescifrable, el misterio todo, lo que no se formula sinó en lo vago del pensamiento, la llamaba como el abismo. Cuando se sentaba al piano sus dedos erraban distraídos sobre el teclado e iba arrancando ruídos misteriosos, blandos como suspiros, tenues, impalpables, como sombras, llenos de dulzura y claridad, pero sobre todo de una melodía atrayente”.

Cadro de Ovidio

Tamén desde hoxe se pode disfrutar na Casa-Museo do cadro ‘Árbore da montaña’, quizais a obra de maior tamaño pintada por Ovidio Murguía, que vén de ser restaurada polo Museo de Belas Artes da Coruña.

Esta obra, que foi adquirida pola Fundación Rosalía en 2014 á familia Bustelo Calvo-Sotelo de Ribadeo, enche un baleiro no programa expositivo da Casa-Museo, que non dispuña de ningunha peza importante do fillo pintor de Rosalía e Manuel Murguía.

O cadro ‘Árbore de montaña’, que vén integrar hoxe os fondos da Fundación Rosalía de Castro, é quizais a obra de maior tamaño (190 x 130 cm) pintada por Ovidio Murguía (Lestrobe, 1871- A Coruña, 1900), unha peza emparentada con dúas paisaxes da serra do Guadarrama, que se conservan no Museo de Belas Artes da Coruña e no Museo de Pontevedra. Pero, se nestas obras Ovidio enfronta directamente o espectador cos tesos cumes, nesta ‘Árbore da montaña’ o pintor afasta o cume ao último plano e volve a fórmulas onde as árbores cumpren o mesmo papel que as figuras nas obras de composición, tal como acontece na paisaxe de finais do século XIX.

Pero ademais, nesta obra pesa a tradición e o museo sobre a natureza, de xeito que o artista utiliza o Guadarrama como referencia de localización, pero dálle todo o protagonismo a unha árbore caducifolia, totémica, que desprega en maxestade a súa copa, ao pé dunha poza ou dun regato. Parece escoitar os consellos do pai, que por carta (1897) repite: “los paisajes con árbol son los que la gente entiende […] y si puedes, no dejes de poner aguas, que ya sabes lo bien que hacen…”. Ovidio fai un alto na súa carreira e tanto no motivo como na gama de verdes, con este cadro parece atender os posibles intereses do cliente galego, segundo a interpretación do gusto que fai o seu pai, Manuel Murguía.