Gaiteiros e gaiteiras lembraron hoxe por todo o país a Rosalía nunha celebración expansiva que chegou a 70 lugares por todo o país e tamén fóra del: Cork, Madrid, París ou Bos Aires tamén interpretaron a Alborada de Rosalía. O seu seguimento en redes sociais tamén foi masivo, utilizando o hashtag #AlboradaRosalía.

Ademais, a Fundación Rosalía de Castro celebrou hoxe en Santiago e en Padrón senllos actos institucionais. Ás 10 da mañá o seu presidente Anxo Angueira, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o alcalde de Santiago, Ángel Currás, fixeron unha ofrenda floral no monumento a Rosalía na Praza de Vigo, preto de onde naceu a escritora. Alí o grupo de gaitas Carapaus interpretou a Alborada.

Ás 12 horas tivo lugar na Casa-Museo o acto nacional do Día de Rosalía, ao que asistiron múltiples autoridades: Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura e Educación; secretarios xerais de Cultura e Normalización Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García; alcaldes de Vigo, Santiago, Padrón e Ames; o director da Fundación Barrié, Javier López; así como representantes da Federación de Libreiros de Galicia, a Asociación de Editores, a Asociación Internacional de Estudos Galegos, o Pen Club de Galicia, o director do Centro de Estudos Rosalianos, a vicepresidente do Consello da Cultura, o presidente da RAG e o vicerreitor da Universidade de Vigo, Henrique Costas. Ademais, contamos coa actuación musical de Uxía e Sérgio Tannus e a interpretación da ‘Alborada de Rosalía’ a cargo do gaiteiro de Milladoiro, Xosé Ferreirós.

Anxo Angueira, presidente da Fundación, aproveitou o acto para presentar o proxecto do 150 aniversario de ‘Cantares Gallegos’, que hoxe botou a andar coas celebracións do Día de Rosalía. Falou da modernización da Fundación e tamén da Casa-Museo, para o que lle solicitou ás autoridades presentes financiamento para poder levar adiante o novo proxecto museolóxico.

A Alborada de Rosalía estivo organizada pola Fundación, a RAG e a Universidade de Vigo, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos. Houbo máis de 70 ao longo de todo o país: 5 en Vigo, 4 en Santiago, 2 en Pontevedra, 3 na Coruña, 3 en Lugo, en Cork, en Madrid, na Muralla romana, no Pico Sacro, na Casa de Rosalía, no Pazo de Hermida de Lestrove, na Casa de Manuel María…

A “Alborada de Rosalía” é unha peza musical escrita pola propia poeta, polo que este domingo fixemos un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia que foi exitosamente correspondido en todas as cidades e vilas do país. O seu seguimento en redes sociais foi tamén abondamente masivo, para o que utilizamos o hashtag #AlboradaRosalía.

150 aniversario de Cantares Gallegos

Coas celebracións do 24 de febreiro comezan os actos do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, obra única coa que Rosalía abriu o proceso que se deu en chamar ‘Rexurdimento’ da literatura e da cultura galega.

As tres institucións, contando co apoio do Goberno galego e de outras entidades, celebrará esta efeméride con diversas actividades (exposicións, ciclos de conferencias, concertos, publicacións, eventos a pé de rúa, etc.) a realizar en toda Galicia, e coa pretensión de que teñan réplica en varios lugares do mundo.

Durante o ano haberá diferentes actividades ao longo de todo o país, como unha exposición, concertos, etc. Tamén moitas outras institucións, como a AELG ou o Consello da Cultura Galega, ademais de múltiples asociacións e concellos, celebran múltiples actos en memoria dos 150 anos de Cantares Gallegos.

Reinauguración da Casa de Rosalía

Alén das actividades, en decembro contamos con reinaugurar a Casa de Rosalía. Agora mesmo estamos coas obras de mellora das condicións de conservación e accesibilidade, realizadas con fondos FEDER a través da Xunta de Galicia, e en breve acometeremos a renovación do proxecto museolóxico e museográfico.

Share