Esta tardiña inaugúrase na Fundación Barrié de Vigo a exposición que conmemora o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ na imprenta de Juan Copañel na rúa Real de Vigo. Foi o 17 de maio de 1863, unha data que foi elixida ademais para celebrar o Día das Letras pola súa importancia cultural e histórica, dado que esta obra abre o proceso que se deu en chamar Rexurdimento da literatura e da cultura galega.

A exposición, titulada, ‘No principio foi o verso. Rosalía de Castro’ está comisariada polo deseñador e investigador Xosé Barro e será inaugurada esta tarde ás 20h por numerosas autoridades: o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Inmaculada Valeije; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o director xeral da Fundación Barrié, Javier López; e polo propio presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.

A publicación de ‘Cantares gallegos’ foi o suceso que marcou para sempre, segundo Anxo Angueira, “o inicio dun proxecto de dignidade, dun camiño compartido, dunha esperanza de mellora para o noso pobo que nos foi modelando e nos trouxo ata aquí”. “Ese feito non foi unha guerra nin unha descoberta, senón un libro” publicado en Vigo e cuxa autora, Rosalía de Castro, se convertería na nosa poeta nacional, afirmou Angueira.

Nesta mostra explícase o contexto no que se publica ‘Cantares’, os círculos democráticos e progresistas de Vigo arredor do xornal ‘La Oliva’ e os protagonistas do fito: Juan Compañel (editor), os irmáns Alejandro e Eduardo Chao (ideólogos e políticos), José Ramón Fernández (mecenas), Manuel Murguía (o líder intelectual) e Rosalía de Castro (a autora excepcional).

A mostra mestura a exposición de documentos singulares, fotografías, obxectos, mobles, obras de arte e montaxes audiovisuais, para conseguir que a mostra interese por igual a un público erudito e popular. Ocupa as dúas salas do edificio e artéllase en oito espazos temáticos:
1. A Rosa e a Oliva. Pensar Galicia na cidade de Vigo: Rosalía, Murguía e os amigos de Vigo.

2. Do folclore á literatura nacional. Nos cantares populares están os nosos clásicos.

3. O primeiro canto: Cantares gallegos.

4. Vigo, capital editorial. De Compañel ao século XXI.

5. Unha factoría cultural. A familia De Castro-Murguía.

6. Os pais do país. Rosalía e Murguía conforman o país que somos.

7. Rosalía, muller intelectual galega. Voces e imaxes nunha proxección audiovisual arredor do histórico retrato de Rosalía por Modesto Brocos.

8. Muller bandeira. Fitos, documentos e obxectos dun proceso de mitificación.

Actividades paralelas

En paralelo á exposición, a Fundación Barrié programará un completo programa educativo, gratuito para o público, composto por visitas guiadas, campamentos de verán para nenos, e talleres didácticos para familias e para grupos. As reservas poderán efectuarse no teléfono 986 110 220. Os dossieres didácticos poderán consultarse en www.fundacionbarrie.org.

A exposición está organizada pola Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega, a Fundación Barrié e a Universidade de Vigo; e conta co patrocinio da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo, e coa colaboración do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

150 aniversario de Cantares Gallegos

Con esta exposición continúan os actos e celebracións do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. A Fundación Rosalía, a RAG e a Universidade de Vigo, contando co apoio do Goberno galego e de outras entidades, está a celebrar esta efeméride con diversas actividades (exposicións, ciclos de conferencias, concertos, publicacións, eventos a pé de rúa, etc.) a realizar en toda Galicia, e coa pretensión de que teñan réplica en varios lugares do mundo. Tamén moitas outras institucións, como a AELG ou o Consello da Cultura Galega, ademais de múltiples asociacións e concellos, celebran múltiples actos en memoria dos 150 anos de Cantares Gallegos.

Reinauguración da Casa de Rosalía

Alén das actividades, en decembro contamos con reinaugurar a Casa de Rosalía. Agora mesmo xa están rematadas as obras de mellora das condicións de conservación e accesibilidade, realizadas con fondos FEDER a través da Xunta de Galicia, e en breve acometeremos a renovación do proxecto museolóxico e museográfico.

Aquí podedes descargar un dossier (en pdf) sobre a exposición.

Share