A Fundación Rosalía de Castro e El Corte Inglés presentaron esta mañá en Santiago de Compostela o VI Concurso Escolar de poesía para o alumnado de Secundaria e Bacharelato que na súa anterior edición de 2017 acadou a participación de máis de 160 alumnos e alumnas de toda Galicia. 

Ao acto asistiron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e Pati Blanco, director de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés Galicia, que informaron das bases do Premio, que establece tres niveis de participación: 1º ciclo da ESO (1º e 2º), 2º ciclo da ESO (3º e 4º) e Bacharelato. As obras han de ser orixinais e inéditas e estaren redactadas en lingua galega. A extensión máxima non excederá os 50 versos. 

As persoas que desexen participar poden enviar os seus textos ata o 25 de maio e o fallo do concurso farase público o día 1 de xuño. A entrega dos premios terá lugar o día 8 do mesmo mes nun acto poético-musical na Casa-Museo, onde participarán os propios premiados e premiadas. E o 15 de xullo presentarase o libro cos poemas finalistas. 

Os premios son, por cada categoría: o primeiro galardoado/a conseguirá un iPad e haberá dous áccesit: ao primeiro corresponderalle unha tarxeta de agasallo de El Corte Inglés de 200 euros e o segundo, o mesmo por un valor de 100 euros. 

Podedes descargar as bases completas aquí.

 

Share