Concerto ás 19 horas na Casa-Museo. O grupo de pandereteiras galego-belga inicia a súa xira por Galicia o Día de Rosalía, o 24 de febrreiro, presentando o seu quinto álbum, titulado ‘Camiño’. Case vinte anos despois de comecezaren a xuntarse para cantar, volven de novo cun novo disco debaixo do brazo no que contan a súa historia e a das súas familias e no que queren facer unha homenaxe aos galegos e galegas da emigración.

‘Camiño’, que leva como subtítulo ‘De Bruxelas a Santiago’, é a historia da súa emigración e da dos seus pais, pero que segue a evolucionar “porque un camiño nunca se para”, din. “É un camiño de loita, cultural, de diversidade, de descubrir e de contactar co público e coa xente doutras culturas. É un camiño que levamos percorrendo moitos anos e que cantamos a través das nosas cantigas”.

O novo disco tamén é un canto á diversidade: “Descubrirmos novas culturas musicais permítenos enriquecernos e coñecernos mellor”, afirman, definindo así a evolución que fixo o grupo que contribuíu a perpetuar, renovar e facer evolucionar a música tradicional galega.

O traballo inclúe 13 temas, algúns tradicionais e outros de feitura ‘trad’ con letras contemporáneas, de autor, a cargo de Brais Fernández. Tamén inclúen un tema en italiano e outro dedicado aos refuxiados, que nos explica Marisol Palomo: “porque é o mesmo que a historia dos nosos pais e avós. A miña avoa veu cunha maleta metida no tren con tres fillos. É exactamente a mesma imaxe que vemos hoxe. Esa é a historia das catro de Ialma. Uns viñeron como mineiros, outros fuxiron da Guerra, outros foron fusilados, é como unha homenaxe á nosa historia e chamando a intentar cambiar o futuro”.

Nos concertos, entre tema e tema, Marisol Palomo vai narrando as historias das súas familias a través dun diálogo entre nena e avoa.

Ialma son Verónica Codesal, Magali Menéndez, Natalia Codesal e Marisol Palomo. Nos directos contan tamén con Didier Laloy ao acordeón diatónico e Quentin Dujardin na guitarra e dirección artística, que tamén é o responsable da produción e dos arranxos do disco.

‘Camiño’ é o seu quinto disco logo de ‘Simbiose’ (2011), ‘Nova era’ (2006), ‘Marmuladas’ (2002) e ‘Palabras darei (2000). Nestes case 20 anos de actividade teñen colaborado con Mercedes Peón, Kepa Junkera, Carlos Núñez ou Eliseo Parra, entre moitos outros.

Aínda que nadas e residentes en Bruxelas, as catro intergrantes están en conexión constante con Galicia e coas súas tradicións, que lle permitiron construír aos poucos un repertorio de cantos e bailes coa pegada das súas raíces, mais adaptadas á súa nova realidade: a das mulleres de hoxe en contacto con diferentes culturas, linguas e estéticas.

Share