Convenio de colaboración coa Universidade de Vigo

Salustiano Mato e Anxo Angueira asinaron este luns o acordo de colaboración polo cal a Fundación e a Universidade de Vigo incrementarán a posta en marcha de proxectos conxuntos. A Universidade achegará 3.000 euros á Fundación e promoveranse prácticas do alumnado nesta institución, así como as visitas á Casa-Museo.

A Fundación Rosalía de Castro e a Universidade de Vigo asinaron esta mañá un convenio de colaboración que ampliará a alianza entre estas dúas institucións para seguir afondando no estudo da figura de Rosalía e espallando o seu coñecemento polo mundo. O reitor, Salustiano Mato, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, asinaron un acordo que facilitará a colaboración entre ambas entidades e, grazas ao cal, a Casa Museo Rosalía de Castro se converterá nun novo espazo de referencia cultural para a Universidade de Vigo.

“A sinatura deste convenio vai permitir un fortalecemento claro da relación entre ambas institucións”, subliñou Mato, tras a sinatura dun acordo que, ao seu modo de ver, axudará a que a Universidade cumpra un dos seus obxectivos prioritarios, como é a internacionalización, “queremos internacionalizarnos, pero facelo a través de algo tan noso, tan de todos os galegos e galegas, como é Rosalía”, subliñou Mato, ao que Angueira engadiu que esta data marcará o inicio dunha nova etapa cunha institución “con quen levamos xa moito tempo colaborando con proxectos tan exitosos como ‘Rosalía é mundial’ ou a celebración do 150 aniversario de Cantares Galegos”.

O alumnado internacional estreará un novo calendario de visitas á sede da Fundación
O acordo facilitará, entre outros aspectos, a inclusión da Casa Museo Rosalía de Castro no programa de visitas culturais que está a deseñarse para o alumnado internacional da Universidade de Vigo, así como para as alumnas e alumnos matriculados no Programa de Maiores. “Ademais a nosa intención é proxectar alí algunha outra actividade de carácter cultural”, ratificou o reitor, que fixo fincapé na importancia “de levar a nosa programación cultural a diferentes lugares para que poidan gozar dela non só o noso alumnado, senón o conxunto da sociedade”.

Ao abeiro deste convenio, porase tamén en marcha dun proxecto de modernización significativa nos contidos e medios da Casa Museo Rosalía de Castro, aspecto que a Universidade financiará con 3.000 euros. “A Casa Museo de Rosalía sempre está aberta a todos os investigadores e alumnos que o desexen”, subliñou Angueira, que aproveitou para lembrar que todo o alumnado da Universidade pode realizar alí as súas prácticas de empresa “non só os alumnos de filoloxía e tradución, senón tamén de historia, bioloxía, documentación…”, aspecto no que tamén incidiu o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que asistiu tamén á sinatura do acordo.