Xa de cheo no século XXI, a nova executiva da Fundación Rosalía de Castro ten por obxectivo primordial elaborar un proxecto integrador co que modernizar a Fundación e a Casa-Museo, na liña dos avances feitos tamén arredor no estudo e concepción contemporánea da figura de Rosalía de Castro.

Ademais de preparar os actos do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, esta Fundación comezou a traballar na mellora e acondicionamento da Casa-Museo, primeiro paso indispensábel para levar adiante a renovación do perfil museístico e museográfico, algo que cómpre tamén desde o punto de vista do autofinanciamento.

Partimos da entrega e do esforzo, ás veces heroico, dos que nos precederon. Eles son o noso exemplo. Por iso, aínda que son tempos difíciles para a cultura, non queremos deixar de ser ambiciosos cos proxectos de futuro porque consideramos que esta crise é tamén unha oportunidade para reorganizarnos e elaborar un proxecto cultural arredor de Rosalía de Castro que resitúe a súa relación coa contemporaneidade, tanto desde lecturas desde a propia Galicia como desde o punto de vista da súa proxección internacional.

Rosalía é un capital simbólico decisivo para este país. É o noso deber afondar no seu estudo e espallar o coñecemento da súa figura polo mundo. Neste sentido, aínda que sen ningún afán de exclusividade, a súa Casa-Museo e a Fundación deben ser espello desta idea e focos difusores de referencia. Poucos países do mundo teñen como “pai da patria” a unha muller. O noso “escritor nacional” é unha escritora. E unha escritora feminista, narradora e poeta; unha intelectual avanzada do seu tempo que sempre estivo á beira dos humildes.

Agora ben, a Fundación non é propietaria de Rosalía. Ela é de todos e de todas. Por iso as portas da súa casa deben estar sempre abertas a todas aquelas achegas, por diversas que foren, que enriquezan o tesouro máis valioso co que conta Galicia.

Share