A mostra, que estivo na Fundación Barrié de Vigo do 15 de maio ao 15 de setembro de 2013, conmemorou o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ na imprenta de Juan Compañel na rúa Real de Vigo. Foi o 17 de maio de 1863, unha data que foi elixida ademais para celebrar o Día das Letras pola súa importancia cultural e histórica, dado que esta obra abre o proceso que se deu en chamar Rexurdimento da literatura e da cultura galega.

Nesta exposición, comisariada polo deseñador e investigador Xosé Barro, explícase o contexto no que se publica ‘Cantares’, os círculos democráticos e progresistas de Vigo arredor do xornal ‘La Oliva’ e os protagonistas do fito: Juan Compañel (editor), os irmáns Alejandro e Eduardo Chao (ideólogos e políticos), José Ramón Fernández (mecenas), Manuel Murguía (o líder intelectual) e Rosalía de Castro (a autora excepcional).

A mostra mestura a exposición de documentos singulares, fotografías, obxectos, mobles, obras de arte e montaxes audiovisuais, para conseguir que a mostra interese por igual a un público erudito e popular. Ocupa as dúas salas do edificio e artéllase en oito espazos temáticos.

[Para visualizar o texto colocar o rato enriba da imaxe ou do número da mesma. Do mesmo xeito navégase coas frechas]

  • A Rosa e a Oliva.
    Pensar Galicia na cidade de Vigo: a mediados do século XIX, os progresistas de Vigo deciden acoller unha xeración que está a pensar un país novo. Son os intelectuais que naquel remoto noroeste de España ven un pequeno país de Europa chamado Galicia e traballan pola súa dignidade. Os xornais La Oliva e El Miño serán os voceiros desta xeración que é a de Rosalía.
  • Do folclore á literatura nacional.
    O Romantismo descobre o pobo e o seu saber, o folclore. Velaí onde apunta Manuel Murguía: os cantares do pobo son os clásicos que nos faltan, eles deben ser o paradigma da nosa literatura futura. Así o declara Rosalía no prólogo de Cantares gallegos: “n’habendo deprendido en máis escola que a dos nosos pobres aldeáns, guiada solo por aqueles cantares...” Non é a única, todos os intelectuais buscan e recollen cantares galegos.
  • O primeiro canto: Cantares gallegos.
    Toda a súa xeración pedía a aparición dun poeta que escoitara o cantar do pobo. E en 1863 Rosalía canta, supera as expectativas de todos e consegue a primeira obra mestra da literatura galega. Non imita o folclore, úsao, revírao en función do seu ideario, a dignificación do país e das súas xentes. Cos seus Cantares gallegos anuncia e constrúe a Galicia contemporánea, o país que somos.
  • Vigo, capital editorial. De Compañel ao século XXI.
    O libro Cantares gallegos non existiría sen o enorme talento de Rosalía, sen a teoría e o alento de Murguía e tampouco sen a vontade de editor de Compañel. Formado na imprenta familiar de Compostela, emigrado a Madrid, Juan Compañel (1829-1897) chega a Vigo para incorporarse a La Oliva como impresor e ao pouco tempo é xa o seu editor, director e impresor. Durante dezasete anos combina o xornalismo coa impresión comercial e os proxectos editoriais, sempre ligados ao seu ideario galeguista.
  • Unha factoría cultural. A familia De Castro-Murguía.
    A dedicación á literatura, ao xornalismo, á historia... foi sempre a vocación de Rosalía e Murguía, os dous partillan a ambición creadora. Pero ser e vivir como intelectuais non foi doado, e mesmo así tentaron orientar algúns fillos cara  á creación cultural. Ovidio comeza a carreira de pintor, Alejandra colabora co pai, Gala, a última descendente, transmite o legado familiar.
  • Os pais do país. Rosalía e Murguía conforman o país que somos.
    Se hoxe somos galegos é por obra deles: a Galicia contemporánea non se entendería sen a súa obra. Se temos un parlamento e un goberno, se existen partidos políticos galegos, débese ao esforzo intelectual de Murguía e Rosalía. El sinala o pobo galego como suxeito político, ela configura a lingua galega como signo e símbolo do país que somos.
  • Rosalía, muller intelectual galega.

    Voces e imaxes nunha proxección audiovisual arredor do histórico retrato de Rosalía por Modesto Brocos.
  • Muller bandeira. Fitos, documentos e obxectos dun proceso de mitificación.
    Alborada, paradigma literario da cultura galega, dela é o Día de Rosalía, por ela é o Día das Letras Galegas, galaica musa, nai agarimosa dos emigrantes, Terra-Nai, encarnación de Galicia, marca país, bandeira do galego, bandeira das feministas galegas, bandeira de Galicia, muller bandeira, muller canción, "Lieders", cantiga, cantar, rap merengue, jazz, muller música, "Santiña", Mater gallaeciae, laica deusa galaica. “Ben merecés reinar como reinades”, magnífica, democrática, soberana.

 

Tamén se pode descargar o folleto da exposición en PDF

Share