150 aniversario de ‘Cantares gallegos’

150 aniversario de ‘Cantares gallegos’

En 2013 cumpriuse o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. Desde a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo organizáronse distintos actos para conmemorar a efeméride desta obra única coa que Rosalía abriu o proceso que se deu en chamar ‘Rexurdimento’ da literatura e da cultura galega.

Estas tres institucións, contando co apoio do Goberno galego e de outras institucións, celebrarán esta efeméride con diversas actividades (exposicións, ciclos de conferencias, publicacións, eventos a pé de rúa, etc.) a realizar en toda Galicia, e coa pretensión de que teñan réplica en varios lugares do mundo.

Vigo cobra un protagonismo especial nesta celebración dado que Cantares Gallegos foi publicado o 17 de maio de 1963 na imprenta de Juan Compañel.

24 de febreiro

O primeiro día sinalado deste aniversario é o 24 de febreiro (Día de Rosalía), cando celebramos con varios actos o nacemento da poeta. En primeiro lugar, houbo unha Alborada para Rosalía no que participaron ducias de gaiteiros e gaiteiras de Galicia que nesa mañá deron unha alborada de gloria en honra á poeta. Trátase dunha iniciativa conxunta coa Asociación de Gaiteiros Galegos.

Ademais, ás 10 da mañá celebramos unha ofrenda floral ao pé do monumento que lembra onde naceu a escritora (Praza de Vigo, Santiago de Compostela), e logo fixemos un acto na Casa de Rosalía en Padrón onde personalidades culturais, sociais e políticas de toda Galicia interveñen e recitan na honra da escritora. Alí presentáronse ademais os actos conmemorativos do 150 aniversario de Cantares gallegos e contamos coa actuación musical de Uxía e Sérgio Tannus.

Un dos temas centrais deste ano será a exposición ‘No principio foi o verso. Rosalía de Castro’ sobre a publicación desta obra central rosaliana. Ademais, haberá outras actividades, como concertos, recitais, etc.

O 15 de xullo (aniversario do pasamento da poeta) houbo un acto institucional en Padrón, con visitas e Iria e Bonaval, en colaboración co Concello de Padrón e o Pen Club de Galicia.

Reinauguración da Casa de Rosalía

En decembro reinauguramos a Casa de Rosalía. Logo das obras de mellora das condicións de conservación e accesibilidade, realizadas con fondos FEDER a través da Xunta de Galicia, acometemos a renovación do proxecto museolóxico e museográfico: coñecer a escritora, evocar o mito.

Tamén moitas outras institucións, como a AELG ou o Consello da Cultura Galega, celebran diversos actos ao longo do ano en memoria dos 150 anos de Cantares Gallegos.

Outras actividades

Outro dos proxectos que abrimos neste 15o aniversario foi o proxecto Rosalía é mundial no que traducimos dous poemas de Rosalía a máis de 30 linguas do mundo.