Arquivo

O Arquivo da Fundación Rosalía ordenouse, informatizouse e púxose a disposición dos investigadores a finais de 2015. Por primeira vez, e grazas a unha axuda da Xunta de Galicia, os valiosos fondos da Fundación Rosalía están ordenados, catalogados e informatizados, ademais de en condicións de conservación axeitadas.

Hoxe o Arquivo mantén accesibles para os investigadores toda a documentación histórica, é dicir, a parte máis relevante dos fondos. Calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e as súas bases de datos, ordenados e catalogados:

Correspondencia

(Catalogación individualizada das cartas, 1946-1970)

O Arquivo posúe importantes e interesantes fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros, que até o de agora apenas eran coñecidos. Dentro do fondo documental cómpre destacar a serie de Correspondencia, na que podemos atopar cartas intercambiadas cos responsables dos centros e colectivos galegos de Bos Aires, La Habana, etc. como Juan Varela Grande, José Villamarín, Abelardo Estévez, Jesus Canabal, Rey Rodríguez, Ángel Pérez Cosme, etc., mostra das intensas relacións que o Padroado e os seu responsables mantiñan cos galegos emigrados.

En canto a personalidades galegas, é de interese a correspondencia intercambiada con Otero Pedrayo, Castelao, Bouza Brey, Sánchez Cantón, Del Riego, Manuel Gómez Román, Ferro Couselo, García Sabell, Gala Murguía, Naya, Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde, Quiroga Palacios  e un longo etcétera.

Libro de actas

(Catalogación individualizada  das actas do Padroado, 1947-1987)

Tamén resulta moi interesante a serie relativa ás actas e documentos constitutivos, destacando o primeiro Libro de Actas do Padroado, así como os informes e memorias que describen a actividade desenvolta nos primeiros momentos desde a adquisición da Casa de Rosalía por parte de Granjel e Mosquera.

Arquivos de prensa

(Catalogación individualizada dos documentos de prensa, 1931-1970)

Son certamente de grande utilidade para a investigación, xa que achegan información valiosa sobre acontecementos, identificación de persoas e mesmo para datación. Ademais hai exemplares significativos procedentes de prensa estranxeira  grazas ás relacións referenciadas  que mantiña o Padroado cos colectivos galegos emigrados. Neste mesmo senso, cabe sinalar a colección de impresos, nos que destacan  a publicación dos primeiros Estatutos do Padroado a finais dos anos 40, os carteis, así coma outros materias especiais (negativos, discos, diapositivas, etc.)

Fondo gráfico

(Catalogación individualizada dos fondos gráficos, 1884-1974)

En canto ao fondo gráfico, son salientables os vencellados a Rosalía, sobresaíndo a colección “Pardellas de Blas”, con fotografías da autora e a súa familia, entre outras. O fondo fotográfico reflicte tamén as diversas actividades e actos do Padroado, coma as Rutas Rosalianas ou a Ofrenda Floral en Bonaval que acollía importantes persoeiros galegos e estranxeiros.

Coleccións

-Xosé Mosquera: o seu legado contén interesantes documentos dos inicios do galeguismo, mostra das súas relacións persoais e da súa implicación política, social e cultural.

-Pardellas de Blas: inclúe fotografías de Rosalía e da súa familia.


Inventario

PDF

 

Queres consultar o noso inventario?
Descarga premendo na icona [390Kb]

Solicitudes

PNG

 

Queres vir investigar ao noso arquivo?
Formulario de solicitude para consultas clicando na imaxe [37Kb]

Share