A Casa-Museo vén de adquirir un cadro descoñecido de Ovidio Murguía

A Fundación Rosalía de Castro vén de presentar o cadro de Ovidio Murguía que vén de adquirir á familia Bustelo Calvo-Sotelo de Ribadeo e que encherá un baleiro no programa expositivo da Casa-Museo, que non dispuña de ningunha peza importante do fillo pintor de Rosalía e Manuel Murguía. A peza será restaurada no Museo de Belas Artes da Coruña.

A Fundación Rosalía de Castro vén de presentar hoxe o cadro de Ovidio Murguía que vén de adquirir á familia Bustelo Calvo-Sotelo de Ribadeo e que encherá un baleiro no programa expositivo da Casa-Museo, que non dispuña de ningunha peza importante do fillo pintor de Rosalía e Manuel Murguía. A peza será restaurada no Museo de Belas Artes da Coruña grazas á colaboración da Consellería de Cultura e Educación.

Ademais, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, asinou xunto co conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, o convenio de colaboración anual desta institución coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, por valor de 25.000 euros, para promover as actividades da Fundación. Ao acto tamén asistiron o titular deste departamento, Valentín García, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

DSC_0090

‘Árbore de montaña’

A obra non está catalogada ao non abandonar nunca a casa da familia de Ribadeo, que a adquiriu probablemente en data próxima á que figura xunto á sinatura do cadro, 1899, un ano antes da morte por tuberculose do seu autor, único fillo varón de Rosalía de Castro. Ovidio falece con 28 anos cando daba cabo á súa primeira encomenda importante, un conxunto de obras para o Salón de fumar do pazo de verán de Montero Ríos en Lourizán, encomenda realizada polo político galego en 1898, en Madrid, cidade onde Ovidio continúa a súa educación autodidacta desde catro anos antes, iniciando unha carreira tutelada a distancia polo seu pai Manuel Murguía.

O cadro ‘Árbore de montaña’, que vén integrar hoxe os fondos da Fundación Rosalía de Castro, é quizais a obra de maior tamaño (190 x 130 cm) pintada por Ovidio Murguía (Lestrobe, 1871- A Coruña, 1900), unha peza emparentada con dúas paisaxes da serra do Guadarrama, que se conservan no Museo de Belas Artes da Coruña e no Museo de Pontevedra. Pero, se nestas obras Ovidio enfronta directamente o espectador cos tesos cumes, nesta ‘Árbore da montaña’ o pintor afasta o cume ao último plano e volve a fórmulas onde as árbores cumpren o mesmo papel que as figuras nas obras de composición, tal como acontece na paisaxe de finais do século XIX. Pero ademais, nesta obra pesa a tradición e o museo sobre a natureza, de xeito que o artista utiliza o Guadarrama como referencia de localización, pero dálle todo o protagonismo a unha árbore caducifolia, totémica, que desprega en maxestade a súa copa, ao pé dunha poza ou dun regato. Parece escoitar os consellos do pai, que por carta (1897) repite: “los paisajes con árbol son los que la gente entiende […] y si puedes, no dejes de poner aguas, que ya sabes lo bien que hacen…”. Ovidio fai un alto na súa carreira e tanto no motivo como na gama de verdes, con este cadro parece atender os posibles intereses do cliente galego, segundo a interpretación do gusto que fai o seu pai, Manuel Murguía.

Un cadro para Ribadeo

Todo parece indicar que a peza é unha encomenda. A chegada da obra a Ribadeo pode ser debida ao trato directo, mesmo á amizade posible de dous membros da saga familiar do Eo co pintor, que ben puideron compartir a bohemia de Madrid, a cidade onde Ovidio pinta desde 1897, e o lugar onde estudan os ribadenses Francisco Martínez González, cinco anos máis vello que o artista, ou Ramón Bustelo González, que só lle leva a Ovidio tres. Mesmo así, sabendo da insistente tutela que sobre Ovidio exerce o seu pai, tanto na dirección artística coma na necesaria procura de encomendas, todo apunta á intervención de Fernando Méndez Sanjulián (1834-1902), íntimo amigo de Manuel Murguía desde a época de estudantes en Madrid, tal como indica o apelativo cariñoso Murga, co que se refire ao intelectual na súa correspondencia. Nacido en Asturias, o avogado Méndez Sanjulián afincouse en Ribadeo, vila da que chegou a ser alcalde; home culto, publicou Apuntes sobre Ribadeo en 1884 e Actas, a transcrición das actas municipais de Ribadeo desde o século XVI. Velaí a hipótese máis probable de como ‘Árbore de montaña’ chega a Ribadeo, para presidir o salón dunha importante familia da vila, a familia Bustelo Calvo-Sotelo.