A Casa-Museo, pechada desde o domingo 13 de outubro ata o 17 de decembro

A Casa de Rosalía pecha desde o domingo 13 ata o 17 de decembro por mor da segunda fase das obras de acondicionamento, nas que se está a acometer a mellora do primeiro andar da Casa-Museo.

A Casa-Museo de Rosalía está pechada ao público desde o sábado 12 de outubro até o 17 de decembro de 2013 por mor do comezo da segunda fase das obras de acondicionamento do inmoble cofinanciadas polos fondos FEDER e a Consellería de Cultura e Educación.

Logo dunha primeira fase acometida a finais de 2012 e comezos de 2013 na que se acondicionou a planta baixa da Casa; nesta segunda fase levarase a cabo a mellora do primeiro andar: eliminación de humidades, rehabilitación do sobrado, instalación de solo radiante, acondicionamento da carpintaría exterior e trasdosados, sistema de seguridade e contraincendios, etc.

Estas obras do proxecto de acondicionamento interior da Casa-Museo Rosalía de Castro son resultado do convenio de cooperación asinado coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e cofinanciado polos fondos FEDER.

Trátase dun investimento e dunhas obras necesarias para poder acometer posteriormente a reforma do perfil museográfico da Casa-Museo e dotala de infraestrutura para a incorporación de novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os e as visitantes.

Por causa das obras desta segunda fase, pois, a Casa-Museo permanece pechada ao público desde o día 12 de outubro ata o 17 de decembro, cando de novo contamos con abrir as portas.

A Fundación, que lamenta os inconvenientes que este peche poida ocasionar, espera con estas obras realizar unha mellora significativa na Casa de Rosalía neste 150 aniversario de Cantares gallegos que toda Galicia está a celebrar.