127 aniversario do pasamento de Rosalía

A Fundación Rosalía de Castro celebra este domingo 15 a conmemoración do 127 aniversario do pasamento da poeta. Intervirán Ana Blanco, Xesús Alonso Montero, Xosé Ramón Barreiro e o presidente da Fundación, Anxo Angueira. Ademais haberá un recital poético e cantará Najla Shami.

O domingo 15 de xullo a Fundación Rosalía de Castro conmemorou o 127 aniversario do pasamento da poeta padronesa cun acto aberto ao público no que houbo poesía, música e discursos arredor da súa figura.

Trátase do primeiro acto organizado nesta nova etapa da Fundación, polo que o seu presidente, Anxo Angueira, anunciou novos proxectos como a renovación do perfil museístico e museográfico da Casa-Museo ou a conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos en 2013.

Nesta nova xeira, a Fundación quere recoller o legado histórico das persoas que fundaron, protexeron e defenderon a Casa de Rosalía, ao tempo que activar tamén os perfís máis actuais do rosalianismo contemporáneo. Asemade, nestes tempos duros e de convulsión social e económica, a Fundación pretende incrementar a súa presenza social e promover a Rosalía como referente e modelo de unión, resistencia e esperanza para o pobo galego.

No acto interviron:

  • “A palabra de Rosalía”, declamación de Ana Blanco
  • Xesús Alonso Montero
  • Xosé Ramón Barreiro Fernández
  • Poetas con Rosalía: X.R. Baixeras, Marica Campo, Cándido Duro, Mario Regueira, Lorena Souto e Dores Tembrás. Presentou Dolores Vilavedra.
  • Pechou o acto: o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira Viturro
  • Actuación de Najla Shami, quen interpretou pezas musicais con letra de Rosalía de Castro